Unha quincena do centenar de alumnos que participan no Programa Integrado de Emprego do Concello de Outeiro de Rei comezan coa formación en competencias clave. Grazas a este proceso ampliarán as súas aptitudes á vez que reforzan coñecementos para poder presentarse con maiores garantías ás probas de acceso a programas superiores que convocará proximamente a Xunta de Galicia.
Os alumnos e alumnas, procedentes de oito concellos diferentes da provincia de Lugo (Outeiro de Rei, Castro de Rei, Cospeito, Friol, Rábade, Begonte, Abadín e Mondoñedo), realizaron o proceso formativo previo na modalidade de teleformación/distancia. Nese período recibiron formación orientada á procura de emprego e tamén á obtención dos carnets de operador de carretilla elevadora e manipulador de alimentos.
Unha vez a Xunta de Galicia autorizou a formación presencial, e sempre seguindo todos os protocolos de seguridade marcados polas autoridades competentes, comeza a formación en competencias clave. A través da modalidade presencial, a distancia ou da aula virtual, as persoas participantes recibirán formación en materias como Comunicación en Lingua Galega, Comunicación en Lingua Castelá e Competencia Matemática. Durante todo o proceso os participantes realizarán de forma simultánea o itinerario de inserción laboral.
O programa foi promovido polo Concello de Outeiro de Rei e subvencionado pola Conselleria de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. Ten por obxecto a mellora da ocupabilidad e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego, mediante a posta en marcha de accións de información, orientación, asesoramento, formación, práctica laboral, prospección de empresas e intermediación laboral e mobilidade xeográfica .