Estudios Rafer continúa a xerar inserción laboral neste 2020
O ano 2020 pasará á historia pola pandemia mundial provocada pola Covid-19 que tantos cambios supuxo para a sociedade. As diferentes medidas para atallar a crise sociosanitaria e o contexto económico non supoñen o mellor escenario para a creación de emprego pero, aínda así, en Estudios Rafer podemos dicir con orgullo que seguimos xerando insercións laborais.
Preto dun 20% dos alumnos dos 10 Certificados de Profesionalidade que finalizamos neste ano obtiveron un contrato laboral nas empresas nas que levaron a cabo o seu período de prácticas. Son cifras inferiores aos doutros anos, con outros escenarios, pero que reflicten que este tipo de formacións son unha boa ferramenta para atopar unha saída profesional. O estado de alarma e o parón que este supuxo, fixo que as formacións finalizasen máis tarde do programado. De feito, actualmente aínda están en curso oito dos certificados programados a principio do curso, polo que as cifras totais de persoas inseridas crecerán de aquí ao final de ano.
A importancia do labor de Orientación Laboral que leva a cabo en Estudios Rafer foi fundamental para alcanzar estas cifras. A continua avaliación dos perfís dos alumnos e alumnas para axustar ao máximo a súa idoneidade co das empresas nas que realizan o período de prácticas é unha das claves para alcanzar este logro. Este seguimento xera oportunidades no momento e, no caso de non existir vacantes dispoñibles, abre xanelas a posibles incorporacións futuras.
No contexto actual varias das empresas nas que o alumnado de Estudios Rafer levaron a cabo as súas prácticas mostraron a súa predisposición a esta opción, o que podería significar nun futuro un aumento do total de persoas que atoparon traballo despois de finalizar a súa formación no noso centro. Unha noticia que sempre é motivo de celebración pero que, na conxuntura actual, o é por partida dobre.